A TERRA DO PRESTE XOÁN

Blogue do Departamento de Xeografía e Historia do CPI Julia Becerra Malvar (Ribadumia)

A Canción da Semana: WAR PIGS

Arquivado en: Canción da Semana — 2 xuño 2008 @ 3:35 pm

Hai uns días soubemos que o mesmísimo Mr. T era un visitante asiduo deste blogue. Vaia esta canción, War Pigs (Os porcos da guerra) como homenaxe e tributo da maior admiración.

Todos coñecedes a historia de Mr. T. Enrolado no famosísimo Equipo A, un grupo de ex-combatentes do Vietnam que se adica a axudar aos máis débiles polos Estados Unidos adiante, as autoridades federais persíguenos por delitos que nunca cometeron.

Pois ben, Mr. T: nunca debiches ter ido a aquela guerra. Como todas as guerras, esta foi unha guerra inxusta. O poderosísimo exército estadounidense masacrou aos vietnamitas ao longo da guerra (1963-75), mentres perdía cincuenta mil soldados, na súa maioría negros.

A Guerra do Vietnam, que enfrontou ao exército estadounidense coa guerrilla comunista deste país asiático, foi condenada por moita xente dentro dos propios EEUU e en Europa. O rock está cheo de cancións contra esta guerra (non tedes máis que ir a por Bob Dylan) e a nos gústanos especialmente esta, War Pigs, do grupo de heavy Black Sabbath. Se ledes a letra (enlazo aquí ao texto orixinal en inglés e poño a tradución abaixo), comprobaredes como está chea de acusacións gravísimas contra os políticos da época.

Por certo que, aínda que a canción editouse en 1970, prefiro ofrecervos esta versión dun concerto de 1978.

Os xenerais reuniron as súas multitudes
como as bruxas nas misas negras.
Mentes malvadas que planexan a destrución,
magos na construción da morte.
Nos campos arden os corpos
mentres a máquina da guerra sigue botando
a morte e o odio sobre o xénero humano,
envelenando os seus cerebros lavados
Oh, Señor, si!

Os políticos agóchanse,
só comezaron a guerra,
por que deberían ir eles pelexar?
Déixanllo todo aos pobres.
O tempo falará das súas poderosas mentes
facendo a guerra só por diversión,
tratando á xente como peóns do xadrez.
Agarda a que veña para eles o día do Xuízo Final.
Agora deixa de xirar o mundo na escuridade
mentres a máquina da guerra continúa a queimarse.
Xa non teñen o poder os porcos da guerra,
a Man de Deus golpeou:
Deus chama ao Día do Xuízo.
Sobre os seus xeonllos arrástranse os porcos da guerra
pedindo perdón polos seus pecados.
Rindo, Satán estende as súas ás.
Oh, Señor, si!

3 Comentarios »

  1. Super_laura:

    OLa!!

    Bueno, da cancion non vou decir nada porque contigo de musica non se pode falar que xa me empezas a vacilar cos piratas e ivan ferreiro. Pero preguntarche polas fotos de barcelona!! Que si podes pasanolas ou algo pa poder xuntarlas todas e pasarnolas entre nos.

    E enviamas ou algo e si queres nos enviamosche as que nos temos.

  2. preste:

    Home, desde logo xa lle gustaría a Iván Ferreiro compoñer algunha vez na súa vida unha canción coma esta. Nin aínda que viva cen anos…
    O das fotos… Eu téñoas no meu computador, o que non sei é como facemos para que as teñades todos. Se chas mando por correo pesarán moito, non creo que poidamos. A solución máis tecnolóxica sería facer un flickr e colgalas na rede, mais éche un problema colgar fotos de menores na internet. Así que o mellor será grabalas nun CD e deixar copias no colexio.
    Xa me diredes que vos parece. Un saúdo.

  3. A TERRA DO PRESTE XOÁN » ATENCIÓN, ATENCIÓN! AS FOTOS DE BARCELONA!:

    [...] A TERRA DO PRESTE XOÁN Blogue do Departamento de Xeografía e Historia do CPI Julia Becerra Malvar (Ribadumia) « A Canción da Semana: WAR PIGS [...]

RSS semente para comentarios a esta anotación. TrackBack URI

Deixa un comentario

Os saltos de liña e parágrafos son automáticos, os enderezos de correo electrónico nunca se publican, as etiquetas HTML permitidas son: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

(requirido)

(requirido)